Cantina Mustallar

Piornedo – Corneantes – Quindous – Castro de Cervantes – Castelo de Cais – San Román – Piornedo

galeria_lugares_interes_006

No fondo do lugar collemos cara a Lugo e, antes de Donís (a uns 2 km.), torcemos á dereita, en dirección Navia de Suarna. Pasamos a carón de varios lugares como Moreira ou Castelo, atravesamos Corneantes e, ao pouco, collemos a estrada da esquerda que vai a Quindous.

En Quindous temos que ver a torre fortaleza que pertenceu á dinastía dos señores de Quindós. A fortaleza é de planta rectangular e ten dúas torres cilíndricas que flanquean a porta principal sobre a que se exhibe o escudo heráldico. Foi vendida, segue sendo propiedade privada e non se pode visitar o seu interior. A carón da torre atopase a igrexa parroquial que foi, en tempos, a capela do pazo.

Continuamos o noso camiño ata que atopamos un desvío, á man esquerda, que sinaliza o Castro de Cervantes. Ao pouco tempo xa podemos ver o castro, situado nun pequeno montículo visible dende todos os lugares da rodeada. O que mais destaca dende lonxe é a igrexa, da parroquia do Castro, que se construíu no mesmo emprazamento para cristianizar o lugar.

O castro foi escavado parcialmente, estivo habitado durante os séculos I e II da nosa era por mineiros especializados na extracción aurífera, polo que difire bastante dos asentamentos da cultura tipicamente castrexa.

Deixamos o castro e seguimos pola estrada no mesmo sentido que traíamos, pasamos por lugares como Villaluz, río de Castro e Castelo de Cais (este lugar co afán castelanizador do antigo réxime chegou a chamarse castillo de perros) e enlazamos en San Roman coa estrada que vai a Piornedo pasando pola Campa da Braña.

Podemos volver directamente pola Campa da Braña ou dar un rodeo por Vilanova (sinalizado, á man dereita) e por Ponte de Doiras. Tamén podemos coller, en sete Carballos á esquerda e vir pola Serra de vilar e pola igrexa de Donís, hai boas vistas pero un cacho continua sen asfaltar.