Cantina Mustallar

Piornedo – Fabero – Castro de Chano – Guimara (Valle de Fornela)

Saímos de Piornedo, como no caso anterior cara a León, en Vega de Espinareda tiramos cara ao val de Fornela, por Fabero.

En Fornela visitamos o castro de Chano, que data da época romana e, ao igual que o de Cervantes, foi construído, segundo se descubriu nas escavacións, para aloxar aos obreiros especializados na extracción de ouro das montañas derredor.

Algunhas das vivendas escavadas teñen paredes moi altas e apreciase que tiñan dous pisos.

No val de Fornela nas festas patronais os mozos bailan unha danza interesante e antiquísima ao son do tambor e o chipro (gaita de tres furados).

Dende Guimara podemos achegarnos ata a Braña do Cuadro (se levamos merenda e imos con tempo de vagar mellor), collendo unha pista de terra, á man esquerda, en bo estado).

Para volver temos dúas opcións: con un turismo é mellor volver polo mesmo camiño, por Fabero.

Se temos un todo terreo podemos continuar pola pista que segue subindo despois da braña do Cuadro, pasamos polo Alto do Marco e saímos a Suertes e dende alí a Candin.

Tamén hai outra pista que une este val co concello asturiano de Ibias, que parte da Braña do Cuadro e   vai dar a Tormaleo. Dende Tormaleo hai pista de terra ata Balouta, pero mellor preguntar antes como están os accesos, informarse ben do camiño e levar o depósito cheo.