Cantina Mustallar

Piornedo – Porto de Ancares – Vega de Espinareda – Burbia – Campo del Agua – Villafranca – Doiras – Campa da Braña – Piornedo

Distancia aproximada: 130 Km.

Saímos de Piornedo, no sentido contrario que na ruta anterior, cara a León (no fondo do pobo á dereita).

Facemos a primeira parada en Suarbol, para ver a igrexa románica, pasear tranquilamente por algúns camiños, buscar a casa de Cadenas …

Dirección Ponferrada a seguinte parada é no Porto de Ancares para ver os vales de Ancares, Suarbol e Balouta, se hai neve este é un bo sitio para gozar dela sen ter que andar moito.

Imos baixando polo Val de Ancares, os pobos son mais grandes que os que deixamos atrás, podemos parar a botarlle unha mirada a algún como Candín ou Teixedo, empezamos a ver a arquitectura propia do Bierzo (as igrexas son mais grandes con agradables praciñas, as casas provistas de grandes galerías …)

En Vega de Espinareda collemos cara a Burbia, despois da ponte á man dereita, e pasamos por lugares como o Valle de Finolledo.

Burbia era un pobo moi grande, tiña moitas pallozas (algo mais pequenas que as de Piornedo) pero agora nun queda case ningunha. Para facer rutas andando Burbia ten montes interesantes, con lagoas glaciares, pequenos bosques e unha delas pode ser a volta ata Piornedo seguindo a senda dos veciños que ían á feira do Espín.

Dende Burbia recomendamos ir a Campo del Agua pero a estrada non está asfaltada; Cómpre informarse se pasan ben os turismos e, de non ser así, teremos que volver polo mesmo camiño ata Vega de Espinareda e ir a Campo del Agua por Villafranca.

Campo del Agua era a Alzada de Aira da Pedra (un pobo do concello de Villafranca), unha alzada é un pobo que utilizaban os veciños para pasar os veráns coas súas facendas nas brañas mais apartadas e, no inverno, volvían a latitudes mais baixas.

Polo ano 1985   realizaron unha restauración integral de Campo del Agua, recuperando todas as pallozas (ó ser unha alzada case nun tiña casas) e era impresionante velo. Desgraciadamente ao pouco tempo ardeu case todo o pobo e, mais tarde, algúns veciños amañaron as casas pero sen respectar a súa tipoloxía orixinal.

Hoxe en Campo del Agua quedan poucas pallozas pero polo emprazamento do lugar, nunha elevación do terreo, segue sendo un sitio de interese da serra.

Saímos de Campo del Agua cara a Villafranca e volvemos por Doiras facendo o percorrido contrario da ruta anterior.