Duración aproximada da ruta: 2,5 horas (só ida).
O amiño cóllese ó lado da capela de San Lourenzo, no pico do Pobo. É unha pista ancha e ben definida pola que transitan tractores e coches todo terreo (unicamente para usos agrícolas e gandeiros e para a vixilancia da reserva de caza polo que está protexida cunha cancela).
Seguimos o camiño tranquilamente e vamos pasando por varias campas fermosas: O Campo, O Chao Grande, Campo Redondo, a Mallada (onde están os restos da cabana dos pastores de Piornedo). Despois de pasar a Mallada e atravesar o río vemos en toda a súa extensión a Braña de Piornedo, un gran circo glaciar rodeado por montañas ou tesos: ó sueste a Meixón Vella (onde aínda quedan restos dos correlos e as cabanas dos Estremeños e Castellanos que chegaban cos seus rabaños de ovellas e cabras ata estas terras ata finais do século XIX), ó leste O Pico de Lanza e O Mustallar, coa Pena de Portelín, ó noroeste Pena Longa, e no medio destes dous últimos o Pico do Porto, por onde se colle o sendeiro de Burbia.
A subida ó Mustallar faise algo dura, o mellor é subir ó Pico do Porto e dende alí axudarse co peche de arames que chega ata o pico (feito polos veciños para que as vacas non se despenen).
Ó chegar arriba veremos como mereceu a pena o esforzo.
Esta ruta pode ter moitas variantes, unha vez na Braña podemos ir a Pena Longa (e achegarnos ata Cuíña) ou subir ó Pico de Lanza, seguir polo cume ata Tres Obispos, pasar a Villous (detrás de Mustallar) ou mesmo facer unha ruta longa ata Burbia (mais de 5 horas de camiño, só de ida, polo Pico do Porto e pola Abiduliña ou por Villous).