Distancia aproximada: 30 Km.
Está pensada para facela nunha mañá ou nunha tarde, para combinala con algunha andaina curta ou coa comida nalgún dos lugares polos que se pasa.
Saímos de Piornedo en dirección león (coller á dereita por debaixo da fonte). A primeira parada é Suarbol Ten unha igrexa románica interesante a algúns recunchos fermosos.
Continuamos subindo, pasamos a campa da Cespedosa e vemos o indicador de Balouta. Se está o día claro antes de coller cara a Balouta achegámonos ata o pico do porto (a uns 900 metros dirección Ponferrada) para admirar as vistas dos vales de Ancares, Balouta e Suarbol e deseguido regresamos ao cruce de Balouta.
Balouta tamén merece unha parada, se cadra se pode visitar algunha palloza e está o Centro de Turismo Rural, nos chamámoslle casa de Alexo, que prepara embutidos de calidade e ten unhas fotografías nas que se pode admirar como era o pobo hai anos.
Continuamos baixando cara ó Val de Rao, admirando a paisaxe, ata chegar ao indicador de Coro de Rao, onde volvemos a parar.
Podemos deixar o coche á entrada porque os camiños non son moi anchos e vamos dando un paseo, recentemente amañaron os camiños, puxeron o alumado público e hoxe é un dos pobos da serra que merece a pena visitar e mesmo de tomar algo de vagar no Barullo.
Volvemos ao coche e desandamos camiño ata Murias de Rao, onde remata o pobo deixamos a estrada a collemos outro enlace á dereita que nos vai levar ata Pandozarco.
Polo camiño imos admirando a Pena de Murias (se temos sorte alguén nos pode contar algunha lenda que teña que ver coa pena, a tradición oral popular é moi rica pero está a desaparecer coa xente maior).
Pandozarco era a alzada de Murias, no que vivían parte das familias durante o verán…tiña pallozas, que foron desaparecendo, pero continúa estando situado nun lugar incomparable.
Continuamos subindo ata chegar á estrada de Suarbol pola que viñemos antes e emprendemos o regreso, cara a Piornedo.