Cantina Mustallar

Piornedo – Balouta – Coro de Rao – Navia – Villarpandin – Corneantes – Piornedo

galeria_lugares_interes_009

Esta vez tamén torcemos no fondo do lugar á dereita, cara a León, pasamos por Suarbol e, ó chegar ó Alto da Cespedosa, collemos cara a Balouta. Antes de coller o cruce, se está bo día, debemos andar uns 900 metros cara a Ponferrada para ver o Pico do Porto e dende alí admirar os vales de Ancares, Balouta e Suarbol.

En Balouta cómpre parar un pouco, dar un paseo polo lugar, visitar algunha palloza…Despois continuamos pola estrada cara á parroquia de Rao e visitamos Coro unha aldea que foi restaurada recentemente e non presenta eses contrastes visuais que afean a maior parte das da serra.

Despois continuamos ata Navia de Suarna que foi unha vila importante durante moitas décadas pola súa feira de gando. A feira aínda se celebra, os día 29 e o segundo domingo de cada mes, agora xa case non se vende gando pero convén parar a comer o polbo: collese unha mesa, o establecemento sérvenos o pan e o viño e temos que facer cola para mercar o polbo a carón da pota.

Volvemos por Virígo, Villarpandín e Acebedo. nalgúns destes lugares había casas grandes, a mais importante é o Pazo de Virígo que continúa habitado e con explotación agropecuaria pero hoxe presenta un aspecto de abandono no seu contorno.

Tamén se pode volver por Freixis (coller a estrada de Becerrea e torcer á esquerda despois da gasolineira) e por Vilaverde, onde da gusto ver tantas vacas dunha explotación en cooperativa dos veciños. Seguimos ata Silvouta, e despois ata a campa de labiadas onde torcemos á dereita e pasamos por mais pobos nos que podemos facer algunha paradiña como Vilaquinte, Corneantes, Castelo, Donís…