Para chegar á igrexa hai que meterse polo medio do pobo de Donís (despois da casa de Naipes á dereita) con coidado porque os camiños son estreitos e hai un cacho de pista sen asfaltar. Pódese deixar o coche na estrada e baixar andando, pouco mais dun km.
O pobo de Donís, hoxe bastante abandonado, tivo un pasado interesante como se pode ver en algunhas casas: cuarto de Naipes, casa da Casoa (escudo brasonado da familia Grajal, que ostentou o señorío de Cervantes)…
A igrexa está soa, no medio da parroquia e avistase dende case todos os pobos da mesma. É unha edificación sobria, unha catedral en plena montaña, de pedra de granito ben traballada.
Ten un ábsida central e capelas laterais, foi restaurada recentemente e sacaron á luz interesantes pinturas murais que datan do século XVI; Permanece pechada agás cando hai culto.
No campo tiñan lugar as feiras de Donís, o terceiro domingo de cada mes, poñían ata catro cantinas no campo e a xente, ademais de tratar, pasaba un día agradable.
Desde a igrexa de Donís hai camiños que levan a todos os pobos da parroquia; Son sendas de cabalo ou de andar que conservan o sabor do pasado, recomendamos a de Castelo porque nos vai permitir ven unha ponte romana, a ponte de Castelo.