Cantina Mustallar

Piornedo – Campa da Braña – Doiras – Vilarello da Igrexa – Balboa – Canteixeira – Villafranca – Ponferrada ou Cacabelos – Vega de Espinareda – Piornedo

sec_rutas_coche_01

Distancia aproximada: 140 km.

No fondo do lugar collemos cara a Lugo, no primeiro cruce á esquerda,   pasamos por campa da Braña, onde podemos parar a estirar as pernas.

A primeira parada da ruta recomendámola en Doiras, para admirar o castelo, sólida fortaleza que pertenceu ao marques de Alcañices, señor de Cervantes, e continúa sendo privado, está bastante ben conservado e alterna períodos nos que permanece pechado con outros nos que está totalmente franco, facilitando así o acceso aos visitantes respectuosos pero tamén aos vándalos de todo tipo e condición.

En Doiras collemos á esquerda, cara a Villafranca, e seguimos admirando a paisaxe ao pé do río, torcemos mais tarde á esquerda para visitar Vilarello da Igrexa.

Segundo algúns investigadores da vida e obra de Miguel de Cervantes, Vilarello (no que se atopa aínda a casa co escudo dos Saavedra) e o cércano San Miguel puideron ter sido a berce da súa liñaxe.

Trala parada en Vilarello volvemos á estrada e seguimos cara a Ámbasmestas, pasando polo Portelo.

Antes de chegar a Ámbasmestas torcemos á esquerda e, despois duns 4 quilómetros chegamos a Balboa. Balboa é un concello pequeno, con interesantes iniciativas orientadas ao turismo, á conservación do patrimonio e á mellora da calidade de vida dos seus habitantes. Hai varias pallozas construídas de novo (a de Chis, a de Balboa), dedicadas á hostalería e nas que organizan festas e concertos nocturnos en días sinalados e abren os fines de semana como bares de copas. Entre todas destacamos a de Canteixeira (nun pobo situado a uns 3 quilómetros de balboa) que foi levantada aproveitando as paredes dunha palloza de antano e mantén mellor que o resto aquel encanto.

Tamén convén coñecer la casa de las gentes, unha especie de centro social, decorado baixo a dirección de Domingo de Canteixeira, que nos sorprenderá ao igual que moitos dos traballos feitos na zona (nas pallozas, nos bares…)

Se é pola tardiña ou á noite, aparte das pallozas mencionadas temos algún sitio mais para tomar algo e tomarlle o pulso a esta parte leonesa da serra como El molino del agua (entre Balbos e Ämbasmestas, á esquerda). Tamén podemos parar en Ámbasmestas na fábrica Vegadarte e probar os queixos de cabra, de distintas variedades, e unhas riquísimas tortas de queixo e castañas.

Continuamos ata Villafranca, orgullosa vila medieval moi ben conservada, con castelo, fermosa praza e rúas con encanto polas que camiñar de vagar.

Despois do paseo por Villafranca encamiñámonos cara a Ponferrada, que conta coas ruínas dun inmenso castelo templario. Preto de Ponferrada, para quen queira, hai lugares dignos de visitar como son As Médulas, Peñalba de Santiago e o Valle do Silencio, a Ferrería de Compludo… (información na oficina de turismo).

Outra posibilidade, en vez de ir a Ponferrada é visitar Cacabelos (sinalizado na nacional ou na autoestrada)   e dende Cacabelos dirixirse cara a Vega de Espinareda.

Saímos de Ponferrada, cara a Vega de Espinareda, pola estrada LE 711. Podemos facer algunha parada nos lugares polos que vamos pasando; Os pobos do Bierzo teñen un encanto especial, son mais grandes no val que na montaña, teñen casas con corredores, igrexas grandes e fermosas prazas nas que a xente pasa o tempo charlando. Cando empezamos a subir cara ao Val de Ancares imos atopando pobos algo mais pequenos pero moi fermosos: Candín Teixedo…que teñen, ao igual que a parte galega o problemas pola baixa densidade e o envellecemento da poboación.

Volvemos a chegar a Piornedo polo lado contrario ao que marchamos despois de pasar polo porto de Ancares e polo lugar de Suarbol.